“Un Mar de Grazas” amosou os recursos do Camiño A Fisterra Muxía, da man da Asociación Solpor

Preto de 200 profesionais puideron coñecer en Santiago a oferta de máis de 60 empresas e colectivos desta prolongación da ruta xacobea.

O evento estivo enmarcado no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019.- Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía quixo darlle hoxe “Un MAR de GRAZAS” á cidade de Santiago, cun evento que se desenvolveu no Hostal dos Reis Católicos dentro do programa O Teu Xacobeo, impulsado dende a Xunta de Galicia.

Preto de 200 profesionais composteláns achegáronse para coñecer as propostas de máis de 60 empresas e colectivos procedentes do Camiño Fisterra-Muxía, cun workshop e un acto institucional; posteriormente houbo degustación de produtos da Costa da Morte e doutros concellos desta ruta.

A cita converteuse nun lugar de encontro para todos os sectores ligados aos camiños: axencias de viaxe, aloxamento, restauración, empresas de transporte, bicicletas, eventos, medios de comunicación, asociacións empresariais, servizos…

A “Un Mar de GRAZAS” acudiron, entre outras autoridades: Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Román Rodríguez, conselleiro deCultura e Turismo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e numerosos alcaldes e concelleiros.

Na súa intervención, Jesús Picallo, presidente de Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, salientou que: “Compostela é un elemento chave para a sustentabilidade de centos e centos de negocios que teñen asentada a súa actividade na ruta do Camiño ou nas súas proximidades. Esta cidade está chea de prescriptores, embaixadores e recomendadores da nosa ruta e dos nosos negocios, e ese é un valor que, pensamos, non está o suficientemente recoñecido”.

Así, con Un MAR de GRAZAS: “O que buscamos é asentar a primeira pedra dunha alianza estable, dunha relación duradeira que busque as sinerxías entre empresas e profesionais, en prol dun beneficio mutuo. Ofrecer un coñecemento directo da nosa oferta turística, dos nosos recursos naturais, das nosas xentes e os nosos costumes; e deste xeito levar a mensaxe de que a prolongación do camiño a Fisterra-Muxía merece mais que a pena”.

 

Más info
Data: 
31/10/2019